×
Copiar URL
Reflexion 28.10.2019

Abrindo os marcos de participación

relatoría da xornada do 11 de outubro



Entrada a tarde do venres 11 de outubro, deu comezo a primeira das sesións participativas da concomitancia que se levará a cabo en torno ao legado dos irmáns García Naveira. A xornada desenvolveuse no salón azul do Liceo de Betanzos, situado na mesma praza onde unha columna sostén aos dous indianos, como recoñecemento á labor filantrópica que levaron a cabo na vila.

Baixo o título “Arte e Participación” convocouse á veciñanza máis as asociacións involucradas no proceso participativo a comezar a imaxinar o encargo que, tras meses de traballo colectivo, será transmitido á artista seleccionada. A sesión foi conducida pola doutora en xornalismo e actriz Comba Campoy quen situou aos participantes a pregunta “Que encargo?”, unha dúbida que algúns dos presentes aínda non tiñan formulada, mentres que outras o tiñan xa moi claro. A xornada pretendía determinar os marcos de partida, así como algúns dos eixos temáticos sobre os que pivotará o proxecto.
Retomando a pregunta inicial situada por Comba, o mediador do proxecto, Fran Quiroga introduciu á audiencia en que consistía o proxecto de Concomitentes, as experiencias previas que se tiñan levado a cabo en Francia e noutros paises nas décadas pasadas e as novidades que presenta esta edición desenvolta en diferentes puntos da xeografía estatal. Aterrando xa o foco sobre a vila de Betanzos, fixo fincapé na necesidade de construir un novo relato sobre o legado dos Irmáns García Naveira ou os conflictos explícitos que existen na vila respecto ao seu coidado. Así como situou a metodoloxía e os marcos de participación coa intención de que este proceso conte cunha alta involucración veciñal na produción dunha obra de arte que ampliará o propio legado dos irmáns García Naveira.


A seguinte persoa en tomar a palabra foi Pilar Cagiao, profesora de Historia na USC, quen contextualizou dentro do proceso migratorio máis amplo cara América as peculiaridades da realidade histórica galega. Salientou como, fronte ao drama que supuxo a emigración, está tamén supuxo un retorno moi importante ás localidades de orixe. As asociacións de emigrantes, como pode ser a Centro de Betanzos de Buenos Aires, financiaron infraestructuras de carácter social ou educativo, o que mitigou os altos niveis de analfabetismo de finais do s XIX. Por último deixou na palestra unha vontade que sería retomada ao longo do debate, a intención de renovar os desexos, as vontades e o interese da cidadanía polo patrimonio da vila.


Cristina Sánchez Carretero, investigadora no CSIC situou a súa intervención ao redor das dinámicas e procesos de conflicto patrimonial nos que leva participando como profesional. Partiu de dúas cuestións: Que prácticas sociais constitúen patrimonio? Quen coida o patrimonio? Ambas tocaron de preto unha das problemáticas presentes. Cun claro enfoque metodolóxico baseado na experiencia en procesos de mediacións entre comunidades, administracións e técnicos explicounos como afondar na participación tiña cada vez máis peso á hora de establecer mecanismos de inclusión entre todas as partes. Sinalou a necesidade de airear os disensos que se poidan producir en todo proceso de conservación, intervención ou actuación. A chave está na necesidade de configurar dispositivos capaces de acoller os conflictos e canalizalos.


Pechou a rolda de intervencións Eneas Bernal, coordinador do Lab 987 do MUSAC, quen abogou polo papel do artista non só como mero materializador do encargo. Os artistas son “profesionais da sensibilidade” que logran reconducir as ideas iniciais e facelo de modos inesperados, arriscados e capaces de dar unha volta ás demandas iniciais. Ante o escepticismo de parte da audiencia –como logo quedaría patente no debate– cara a figura do artista contemporáneo, como alguén únicamente vencellado ao circuito de museos, exposicións e galerías; presentou un proxecto no que podía establecerse un paralelismo co que estaba a ocurrir coa concomitancia.
Elías Rubio, intelectual e escritor castelán levaba tempo obsesionado coa idea de recompilar e arquivar a terra da súa provincia: Burgos. Non foi ata o momento que entrou en contacto con Espacio Tangente, un espazo de arte contemporáneo, quen lograron artellar entre ambas partes un proxecto que sobrepasou a idea inicial: o Mapa das Terras de Burgos. Unha obra que se expandiu ata rematar recuperando unha antigua árbore perdida ao carón dunha igrexa e plantada coa mesma terra dos diferentes puntos da provincia que tanto os artistas como Elías foran atesorando no pasado.


Chegou o debate, e con el as opinións de veciñas e veciños que ata ese momento non puideran amosar a súa opinión. Unha das primeiras dúbidas foi cal vai ser o papel da artista, se necesariamente ten que enunciarse esta figura en individual ou se hai máis xeitos de atopar unha resposta. Ou quen ía participar realmente neste proceso e cales son os modos de involucrar ao resto da poboación. As asociacións involucradas no proceso abogaron por confiar e ser xenerosos co propio proceso de co-creación da obra e de todas as dinámicas que se ían a xerar dende este punto de partida ata o encargo final, apelando de novo á capacidade do artista e o bo entendemento para canalizar as demandas feitas.


Como peche da sesión, xa entrada a noite no salón azul, quedou unha idea presente no auditorio, a necesidade de entender esta concomitancia como un proceso de posta en valor de patrimonio frente a obxetualización. Con esta idea flotando aínda no aire e con moitas ganas de falar e poñerse mans a obra, emprazouse ao conxunto das persoas presentes a seguir imaxinando os pasos futuros na vindeira sesión que terá lugar o sábado 16 de novembro.

Fotografías de Oscar Gorriz