E fomos monte. Un relato visual e textual do ritual Sentires do Monte
O pasado sábado día 12 de outubro de 2024 a Artista Asunción Muíños Gordo presentou o proxecto de arte “Os sentires do monte” Fíxoo na parte alta dos Montes de Couso- entre o Miradoiro de San Antoniño e o Monte do Facho- a través dunha Festa-Ritual formalizada nun percorrido de once accións e unha lectura, por parte dunha das comuneiras máis novas, do Plan de Protección do Monte, escrito pola propia artista.
(Leer en castellano aquí).
Este proxecto de arte xorde dentro do marco do proxecto Terra Común de Concomitentes coa mediación da investigadora e curadora cultural Natalia Balseiro e coa participación do presidente da Comunidade de Montes de Couso Xosé Manuel Araúxo; xunto a eles unhas trescentas persoas teñen participando nos máis de trinta encontros, sesións de traballo, paseos polo monte, festas, xornadas de aprendizaxe etc.
O desexo colectivo definido por estas comuneiras e comuneiros, veciñas e veciños de Couso, despois de meses de deliberacións colectivas foi: pór en valor o seu legado entre as vecinanzas máis próximas e as mocidades, coa idea de garantir o relevo xeracional.
A invitación a Asunción Molinos Gordo (1979, Aranda de Douro, Burgos) investigadora e artista visual era dar resposta a este desexo colectivo, a través dun proxecto de arte xerando novos vínculos co monte. Trátase dunha artista cunha formalización nos seus proxectos de arte tremendamente aberta e situada que traballa desde unha perspectiva fortemente influenciada polos métodos de disciplinas como a antropoloxía, a sociología e os estudos culturais e que ten como foco principal da súa obra a cultura labrega contemporánea
Para compor o proxecto de arte Asunción acompañouse durante oito meses dunha vintena de comuneiras e comuneiros pero tamén veciñas e veciños e persoas membras doutras comunidades de montes conformaron o grupo de traballo que participou no deseño da Festa-Ritual.
Estar xuntos, abrir novas conversacións, xerar vencellos etc. é a través de toda unha serie de visitas, paseos, entrevistas, encontros informais e exercicios de escritura (odas, cartas, bandos municipais, bica a man, cartas de dereitos e outras ferramentas de escritura) que foron compondo outras formas de vínculo co monte, fóronse decantando os elementos esenciais do monte para conformar o ritual: a auga, os animais totémicos, o aire-o osíxeno, as herbas, os alimentos, a leña, o lume, os cabalos, os devanceiros e a memoria.
1ª ACCIÓN: chamada ao Monte
Con estos vimbios e un profundo traballo de investigación sobre cada un deles componse a Festa-Ritual con unha serie de accións que iniciaron no Miradoiro de San Antoniño tras a chamada á limpa do monte por parte dos comuneiros máis maiores coas Buguinas procedentes da Guarda, recuperando un antigo método para chamar a comuneiras e comuneiros para limpar os montes. A chamada ao monte foi realizada por Iria Enríquez Blandón, Paloma Amigo García, Pepe Reñones Rodríguez e Luís Alonso Bagacigalupe.
2º ACCIÓN: Auga
Procesionaron xuntos até o nacemento do Río Couso onde se orixina a auga que fai posible a vida en Couso. Xosé Antón Araúxo, José Manuel Lago, Iria Enríquez Blandón e Asunción Molinos Gordo compartiron saberes e prácticas ancestrais e colectivas sobre o que pode a auga, presentando á rabilonga ou o cabalo como animais que sinalan a auga potable, desvelaron as prácticas da plantación da auga, performaronse xestos en comunidade inspirados nas comunidades de regantes onde a auga se reparte entre todos os seres.
3ª ACCIÓN: Alimento
Comeron xuntos, celebraron que están aquí e están vivos. Pondo os corpos para facer súa a festa, o seu rito e encorpalos. Unha parada no Souto Chan dás Eiras onde compartiron os alimentos que ofreceu o monte: cen quilos de xabaril doados pola Sociedade de Caza a Gondomarense, cociñados pola cociñeira especialista en carne de caza Eva Florentiña de Gondomar, regado con viño de casa das viñas das aldeas vinculadas ao monte e acompañado das empanadas de castañas e cogomelos dos montes de Couso cociñadas entre o Bar Gondomar e a Panadaría O Penisco (Gondomar).
4º ACCIÓN: Regueifas
As rapazas de Gondomar Alba Herranz Pazos, Mar Herranz Pazos, Carmen Villanueva Rei, Paula Piñeiro Gonzalez e Ruth Comesaña Granxa, todas elas alumnas de 4ºESO do IES Plurilíngüe Terra de Turonio performaron conflitos do monte, de onte e de hoxe, a través de varias regueifas compostas por elas mesmas coa axuda do regueifeiro de Godomar Luís Caruncho e da profesora e artista Elena Gómez Dahlaren. Estas cinco rapazas compuxeron as letras deste xogo verbal sobre os amoríos no monte que seguen existindo desde tempos pretéritos pero tamén sobre a distancia entre a burocracia administrativa da xestión do monte e a realidade de veciñas e veciñas que viven o monte cada día, entendendo este como mestre, como familiar, como compañeiro.
5º ACCIÓN: As herbas
Un grupo de mulleres conformado por Sara González López, Pilar Talariz Cobas, María Lemos Cerqueira, Susana Sáiz Medinger, Monste Salgueiro Varela e Lucila Rial Prado compartiron saberes e experiencias sobre as herbas medicinais achegándonos aos seus diferentes usos alimentarios, medicinais, espirituais… Ademais prepararon xunto a Elisa Diego Diaz do Bar dá Casa Veciñal de Couso diferentes infusións de herbas que antes se atopaban nos Montes de Couso e na actualidade atópanse nas hortas e xardíns das veciñas e veciños de Couso. Estas infusións foron endulzadas polo mel doado pola Comunidade de Montes de Vincios a través de Montse Salgueiro Varela.
6º ACCIÓN: Cabalos e mocidades
Sheila Ribero Rodríguez, Olivia Dawod Muíños, Paula Piñeiro González e Adrián Alonso Docampo -as/os máis novos da comunidade- montadas nos cabalos de Suso e José Alonso Santos e Paco León guiáronnos a través do monte, ao lugar de enterramento dos devanceiros de Couso, dos comuneiros máis antigos do lugar.
7º ACCIÓN: Mámoa
Jesús Rodríguez Dieguez trazou un percorrido polo que son hoxe, para veciñas e veciños de Couso, as mámoas, os lugares de enterramento colectivo, eses lugares, na parte alta do monte, que os seus devanceiros elixiron para enterrar ás súas comuneiras e comuneiros.
8º ACCIÓN: A gaita, o terceiro pulmón
A artista Mercedes Peón compuxo un espazo performativo e sonoro dentro da Festa-Ritual coa Banda de Gaitas Novos Aires de Couso desde a mámoa ao pé do Monte do Facho. Os gaiteiros Marcos Castro González, Jose Lago Vila, Fabio Durán Deus, Nicolas Abaldes Lorenzo, Jesus Abaldes Perez, José Antonio Hermida Pérez, Andrea Gomes Rodriguez, Nayara Fernández Benites e Javier Abalde fixeron soar o fol da gaita coma se dun terceiro pulmón se tratáse, emulando a súa respiración a través do monte, como facían os nosos antepasados, cando non había luz eléctrica, para espantar o medo coas súas gaitas. A pé do monte tocaron a peza que M. Peón compuxo para eles como ofrenda aos Montes de Couso.
9º ACCIÓN: Leña
Xa imos chegando ao final do día, a tarde estaba a caer, Basilio Calzado dá Comunidade de Montes de San Salvador compartiunos os seus saberes e aprendizaxes de como recoller a leña para acender o lume e que outros usos tiveron as plantas leñosas do monte como as piñas e o toxo. Tras as súas indicacións todo o grupo collemos un feixe de leña para subir ao Monte do Facho e queimalo nunha fogueira colectiva, comunitaria.
10º ACCIÓN. Lume
Terminaron no alto do Monte do Facho, compondo unha fogueira en común para iluminar, como facían os seus devanceiros ás comunidades veciñas do mar, como faro. A comunidade de montes de Couso iluminou o monte, deixáronse ver, estamos aquí, estamos vivos, estamos xuntos, seguimos coñecendo o noso monte, xerando novos vínculos con el e entre nós e hoxe vimos escoitalo.
11º ACCIÓN: Plan de Protección do Monte
Iria Enriquez Blandón, unha das máis novas comuneiras, leu unha adaptación poética que a artista Asunción Molinos Gordo escribiu do Plan de Autoprotección do Monte, tamén escrito pola propia artista, a partir das sesións de traballo realizadas con comuneiros e comuneiras, veciños e veciñas e con xentes doutras comunidades de montes. Trátase dun documento de carácter xurídico que aspira a inspirar a outras comunidades de montes para protexer este ben común tan valioso para a vida.
Un rito que marca un inicio
Ademais desta festa ritual, que se agarda que sexa de carácter anual, o proceso artístico tamén se concreta nun Plan de Autoprotección do Monte que recoñeza os dereitos destes montes e que foi deseñado pola artista a partir das sesións de traballo colectivas.
Un escrito, inspirado noutros procesos similares como a Lei que en 2022 se aprobou para outorgar personalidade xurídica ao Mar Menor de Murcia e ao Río Tins de Outes en Galicia, que busca salvagardar o futuro destes territorios xestionados polas comuneiras e comuneiros, e inspirar así a outros modelos similares.
O contido deste Plan de Autoprotección, froito de distintos encontros entre a artista, mediadora e o grupo de traballo, -integrado por membros da comunidade, veciñas e veciños e membros doutras comunidades de montes-, incluirá temas como o coidado, protección, uso, produción e transmisión de saberes no territorio.
Ademais, na última sesión de traballo do proxecto Terra Común, prevista para o mes de decembro, entregarase á Comunidade de Montes de Couso o protocolo a través do cal se comprometen a dar continuidade a esta Festa-Ritual cada ano manténdoa vida, cambiante, adaptándoa ás súas necesidades e aos tempos pero vivíndoa xuntos, en comuñón.
Asunción Molinos Gordo,
Unha obra en torno ao mundo labrego
A investigadora e artista visual, Asunción Molinos Gordo, desenvolveu unha obra artística que vira ao redor das culturas rurais e o campesiñado internacional. Produciu obra conectada coa transformación do traballo agrario, o impacto da biotecnoloxía, o comercio internacional de alimentos, a arquitectura trashumante e as protestas campesiñas, a PAC e a burocratización do territorio, os sistemas de rega ancestrais ou as formas campesiñas de construción do benestar. Gañou o Premio da Bienal de Sharjah en 2015 co seu proxecto WAM (Museo Agrícola Mundial) e representou a España na XIII Bienal da Habana 2019. O seu traballo foi exposto en institucións como o Museo Carrillo Gil en México, Vitoria & Albert Museum en Londres, The Townhouse Gallery no Cairo, Jameel Arts Centre en Dubai, Arnolfini Contemporary Arts en Bristol, Tranzit en Praga, Cappadox Festival en Uchisar-Turquía, MUSAC en León, CAB en Burgos, Matadero en Madrid, La Casa Encendida en Madrid, CA2M en Madrid, entre outros.
Identidade e historia da comunidade de Montes de Couso
A comunidade de Couso está integrada por 85 comuneiros e comuneiras e busca converter o monte bosque nun recurso de valor multifuncional e unha fonte de recursos co fin de lograr un maior valor ambiental e unha contorna máis respectuosa coas especies arbóreas autóctonas. Traballan para avanzar na súa autosuficiencia. O monte é un territorio no que cultivan frambuesa, arándano, grosella, castaña, ou a variedade de cogomelos "shiitake". Montes de Couso foi recoñecido como un exemplo de boa xestión, aparecendo no rexistro TICCA da ONU e recibiu o premio IRGADE, pola promoción da lingua galega.
Proxecto Europeo: Art Living Lab for Sustainability
Terra Común forma parte do proxecto europeo Art Living Lab for Sustainability, financiado polo programa Europa Creativa da Unión Europea e coordinado por Concomitentes xunto ás socias europeas De Nieuwe Opdrachtgevers e A Société des Nouveaux Commanditaires; e a Universidade de Santiago de Compostela.
O proxecto ten como reto atender a tres mecanismos de xestión comunitaria: a do monte con Terra Común (Monte Veciñal de Couso, Galicia, España); a arxila con Clay Commons (Boom, Flandes, Bélxica); e a da auga con Water Commons (Parque Natural Rexional do Alto Xura, Francia), a través de procesos participativos nestes territorios, que darán como resultado tres obras de arte que respondan as necesidades destas comunidades e territorios.
CO-CREADORES DEL RITUAL:
Natalia Balseiro, Xosé Antón Araúxo, Susana Sáiz Medinger, Iria Enríquez Blandón, Pilar Taladriz Cobas, Luis Alonso Bacigalupe, Paloma Amigo García, María López Gallego, Manuel Villot Pascual, Jesús Rodríguez Dieguez, María Lemos Cerqueira, Elena Gómez Dahlgren, Jose Manuel Lago, Basilio Calzado, María Dolores González Alonso, Mercedes Peón, Luis Enrique Correa Piñerro (Caruncho), Alba Herranz Pazos, Mar Herranz Pazos, Carmen Villanueva Rey, Paula Piñeiro González, Ruth Comesaña Granja, Montse Salgueiro Varela, Lucila Rial Prado, Sara González López, Patricia López Palmas, Xoaquín de Acosta Beiras, Pepe Reñones Rodríguez, Emilio Dios, Paco León, Suso Alonso Santos, Jose Alonso Santos, Jose Manuel Riobó Hermida, Marcos Castro González, Héctor Alfaro, Olivia Dawod Molinos, Adrián Alonso Docampo, Sheila Ribero Rodríguez, Francisco Javier Alonso, Jose Antonio Herbida Pérez, Fabio Duran Dios, Nicolas Abaldes, Jesés Abraldes Pérez, Juan Raúl Hernández Cuevas y Andrea Gómez Rodríguez.
Todas as fotos son de Andreia Iglesias, a quen agradecemos a súa dedicación e visión por achegarnos estas pequenas historias visuais.